Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O CD Choco salva un punto na súa visita a Ourense

ChocoOurense2

O CD Choco continua sumando unha semana máis, os tres últimos resultados empates, e este último sufrindo nunha tarde fría e desapacible no campo de O Couto. Xa nos primeiros minutos o equipo local mostraba as súas cartas, ían sacar proveito do factor campo e pronto comezaron a dominar o partido ante o equipo de Gonza a quen lle costaba adatarse e meterse no partido. Aos cinco minutos do comezo os locais reclamarían un penalti sobre Tiago por un agarrón de Samu que o colexiado non considerou como tal. Tras esta xogada, o partido ía crecendo en intensidade tanto dentro como fóra do terreo de xogo. Cada quen miraba polos seus intereses e ningún dos dous bloques querían deixar pasar a xornada sen puntuar. Non habería achegamentos claros a ningunha das dúas áreas ata ben entrado o ecuador deste primeiro tempo, malia que o perigo rondaba na maior parte do tempo preto da zona de Cortegoso. No minuto 21 Suárez tería a máis clara para os seus logo dun saque de esquina executado por Antón, pero Alberto non chega ao esférico no segundo pau, perfecto para o seu remate. Seis minutos despois sería o UD Ourense quen tivese unha ocasión por medio de Alfredo para adiantarse no marcador, pero Cortegoso despexa o balón a córner. O gol dos unionistas chegaría no minuto 38 nunha xogada na que logo dunha internada na área choqueira o balón caiu nos pés de Carlos de Dios que aproveitou para marcar o primeiro gol da tarde. Sen moitas máis ocasións chegaría o tempo de descanso co 1-0 no marcador. Tralo paso por vestiarios veuse un pequeno cambio nas filas choqueiras. O CD Choco arriscou un pouco máis e creou ocasións, aínda que con dificultades buscaba o empate. O tempo corría en contra dos redondeláns, e os locais buscaban o segundo gol. Gabi Sanín e Carlos de Dios non foron quen de materializar sendas ocasións. Nos últimos minutos do partido o CD Choco foi capaz de presionar un pouco máis. Primeiro Félix desaproveitaría a máis clara logo dun centro de Yerai, pero seguiron tentándoo até que Davicín, que entrou no segundo tempo, superou ao gardameta Atanes cun tiro raso para subir o empate ao marcador, co resultado de 1-1 que sería definitivo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará