Os últimos datos do Sergas sobre a situación sanitaria en Redondela apuntan que o número de casos mantense estable, con 1 positivo máis. A incidencia acumulada nas últimas dúas semanas eleva os positivos de coronavirus ata 379 por cada 100.000 habitantes, á espera dos resultados do cribado masivo efectuado entre a veciñanza do municipio. Este cribado, ao que están chamadas 3.500 persoas de Redondela, remata hoxe no Covid-auto do Hospital Álvaro Cunqueiro, onde están a realizarse as probas desde o pasado martes. A alcaldesa, Digna Rivas, salienta a importancia de que a cidadanía convocada a facer esta proba acuda á cita “xa que é o mellor xeito de deter a propagación do virus”.
Estes cribados permiten detectar casos de Covid entre persoas que non teñen síntomas de enfermidade. Foi o caso da residencia de Cesantes, onde os cribados periódicos que se realizan entre traballadores e usuarios permitiron detectaron o gromo e illar as persoas que deron positivo, co se “corta” a transmisión entre a poboación máis vulnerable.
O comité clínico que asesora á Xunta na xestión da covid-19 valorou hoxe a situación sanitaria nas diferentes cidades e vilas, e a incidencia do virus en Redondela levou ás autoridades a manter a este municipio no nivel máximo de restriccións. O número de casos activos non mellora, polo que o municipio mantén o peche perimetral. Rivas explica que polo menos ata o próximo xoves, día 17, o Sergas non estuda facer cambios nas restriccións en Redondela.
Non é posible saír ou entrar en Redondela agás por causas xustificadas (por traballo, estudos ou outras de forza maior), a hostalaría pode abrir unicamente as terrazas, co 50% de aforo e peche ás 17.00 horas. Unha situación “que pode aproveitar a veciñanza para facer as súas compras de Nadal no comercio local”, sinala Rivas, quen anima a apoiar así “aos negocios da casa”.
Cando faltan dúase semanas para o Nadal a situación epidemiolóxica no conxunto de Galicia mellora, pero mantéñense tamén as restriccións na área de Vigo, que mantén o peche perimetral conxunto con Mos, Nigrán e Gondomar, e ao que se suma tamén O Porriño.