Desde unha cementeira ata unha planta de frigoríficos, pasando por un almacén de colectores. Eses teñen sido nos últimos anos algúns dos usos que a Autoridade Portuaria de Vigo pretende darlle á zona coñecida como explanada de Duches. O concelleiro de Medio Ambiente de Redondela, Roberto Villar, explica que estes son algúns exemplos da política do Porto de Vigo “que só entende o uso do litoral para fins industriais”. O Concello xa presentou alegacións ao Plan de Usos portuario porque “obvia” o patrimonio cultural e natural da enseada de San Simón.
O Concello de Redondela considera que o plan de Delimitación dos Espazos e Usos Portuarios do Porto de Vigo (DEUP) “ignora as demandas deste municipio e a súa realidade patrimonial e ambiental, nun espazo que forma parte da Rede Natura 2000”. Tanto Villar como a alcaldesa Digna Rivas, destacan que o plan portuario é demasiado “simple” e non ten en consideración “os criterios ambientais, paisaxísticos, territoriais, culturais e socioeconómicos do municipio”. Nesa liña, desde o goberno local consideran necesario que este plan recolla temas importantes como “evitar a ocupación innecesaria de chan e os efectos negativos sobre a Rede Natura 2000”. Villar ten claro que o obxectivo da Autoridade Portuaria é centrarse só na actividade industrial “sen ter en conta o valor natural desta zona, que é un espazo único no mundo”.
As actividades que proxecta o Porto tamén prexudicarían sectores “como a pesca artesanal e o marisqueo”, que son sustentables e xeran riqueza no municipio, explica Villar
A falta de rigor no aspecto ambiental ten a súa continuidade no campo patrimonial, xa que o plan mostra un “absoluto esquecemento” do patrimonio do municipio, tanto material como inmaterial. Así, nas alegacións ao DEUP recóllense unha vintena de elementos patrimoniais, recollidos no Plan Básico Autonómico e que se verían afectados o Plan de Usos Portuarios.