Con máscara e mantendo todas as medidas de seguridade, Papá Noel percorreu esta semana as parroquias do municipio visitando as casas dos nenos e nenas e escoitando as súas peticións. A pandemia non impediu que o espírito do Nadal chegara a todos os puntos do municipio, nun percorrido que quere que todos os rapaces poidan gozar destes festexos independentemente do lugar onde vivan.
Unha novidade na programación de Nadal do concello deste 2020 que xurdiu por mor da pandemia e co obxectivo de preservar a seguridade dos máis cativos, evitando que teñan que deixar a súa contorna habitual e desprazarse aos cascos urbanos de Redondela ou Chapela para poder ver a Papá Noel. Ademais de evitar que se produzan aglomeracións nas rúas dos dous núcleos de poboación.
Nesta xornada de Noiteboa, os rapaces poderán velo entre as 10.30 e as 14 horas na Alameda Rosalía de Castro de Chapela ademais de na Alameda Castelao de Redondela, onde a Casa de Papá Noél estará aberta en horario de mañá, de 11.00 a 14.00 horas e tamén pola tarde, dende ás 16.30 e ata as 19.00 horas.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, apuntaba que as pequenas e pequenos “tiveron que soportar un confinamento e restricións na súa vida cotiá e sempre mantiveron unha actitude exemplar, por iso queremos achegar o Nadal aos seus fogares para que poidan manter viva a ilusión por estas festas como sempre o fixeron, cheos de ilusión e ledicia”.