A Agrupación de Electores cualifica así a intervención de Xoán Carlos González no pleno ordinario celebrado a pasada semana por uns comentarios do edil nacionalista sobre a concelleira de AER Susana Couñago. Nun momento do pleno no que se debatía sobre as horas extraordinarias do persoal municipal, González instou á voceira de AER a que “como muller” teña un papel “máis decisivo” nas comisións e nas xuntas de voceiros.
A alcaldesa, Digna Rivas, fixo unha breve intervención para reprochar o comentario de González por entender que “non é correcto”.
Foi a propia Susana Couñago quen cualificou de “ofensivo” o comentario do edil nacionalista. A concelleira de Participación Cidadá explicou que é “libre” para decidir “cando falar ou non” e sinalou que a intervención de Gozález foi “unha falta de respeto total”.
Desde a Agrupación de Electores advirten que a actitude de González non foi reprobada, ata o de agora “nin polo BNG nin polo resto dos partidos da corporación”. AER esixe a Xoán Carlos González “unha desculpa sincera ás mulleres en xeral, e a Susaña Couñago en particular” ou, en caso contrario, pedirá a súa dimisión no próximo Pleno do Concello de Redondela. Sinalan que non queren facer deste episodio “unha causa de guerra política”, pero defenden a “tolerancia cero” co machismo. Por iso advirten que “non pasarán por alto comportamentos que atentan contra a muller”.