As baixas temperaturas que se agarda para o sábado e o domingo, así como a posibilidade de precipitacións, fixo que o Concello de Redondela puxese en marcha un operativo especial para garantir a seguridade nas estradas da súa titularidade e nas rúas dos cascos urbanos para evitar esvaróns e posibles accidentes polas placas de xeo. Para actuar con maior rapidez, instan aos veciños a poñer en coñecemento da Concellería de Vías e Obras aqueles puntos de maior perigo por mor da acumulación de xeo.
O Servizo de Emerxencias, Incendios e Seguridade (SEIS) en colaboración con Protección Civil e a Concellería de Vías e Obras intensifican os traballos para eliminar as capas de xeo co esparexemento de sal polas estradas e rúas do municipio. O obxectivo baixar o punto de conxelación e impedir a formación de placas de xeo para que os vehículos poidan circular e os peóns camiñar con seguridade.
Uns traballos, que nos últimos días xa se realizaron en estradas, camiños e naqueles puntos do casco urbano que, polo feito de estar habitualmente á sombra, son máis propensos á creación de capas de xeo. O concelleiro de Vías e Obras, Vicente Lamas, explica que “intensificaranse os traballos dada a previsión meteorolóxicas que anuncian, para o sábado, temperaturas moi baixas con posibilidade de precipitacións e o domingo, ceos despexados e temperaturas baixas” dous factores que incrementarán o perigo por capas de xeo nas estradas pouco transitadas.
A alcaldesa, Digna Rivas, fai un chamamento á colaboración veciñal “para poñer en coñecemento do departamento de Vías e Obras, aqueles puntos nos que o xeo puidese supoñer un perigo para a seguridade, de cara a actuar coa maior rapidez posible”. Dende o goberno local, fan un chamamento á prudencia á hora de circular, sobre todo, naquelas estradas ou camiños pouco transitados e sombríos e que, son máis propensos á formación de placas de xeo”.