Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Concello esixe á Xunta unha solución “urxente” aos malos cheiros de Aucosa

Os veciños denuncian vertidos de Aucosa

O concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar, entende que a vía administrativa “está esgotada” sen que a Xunta de Galicia achegue unha solución, polo que agora poñen en marcha “un proceso xudicial para esixir que se resolva ese problema”. Os servizos xurídicos do Concello de Redondela estudan as actuacións a desenvolver para obrigar a que o organismo competente en materia ambiental, neste caso a Dirección Xeral de Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, “actúe e leve a cabo as medidas oportunas para o cese dos malos cheiros provocados pola empresa Aucosa”.

Roberto Villar, concelleiro de Medio Ambiente

A alcaldesa, Digna Rivas, e o edil de Medio Ambiente mantiveron unha reunión telemática coa directora xeral de Calidade Ambiental, Sagrario Pérez Castellanos, na que tamén participaron veciños afectados pola actividade desta planta de elaboración de fariñas de peixe situada no litoral de Rande. Tanto os residente da zona como o Concello levan anos denunciando esta situación “que afecta directamente tanto á saúde como a calidade de vida da veciñanza”. O goberno local denuncia o incumprimento “reiterado” por parte da empresa dos compromisos adquiridos tanto co Concello coma coa propia Xunta de Galicia “de ter rematadas en novembro as obras de mellora nas instalacións que puxeran fin aos malos cheiros”. Explica Villar que desde Aucosa xa lles comunicaron que os traballos non estarán rematados “ata dentro de tres ou catro meses”, circunstancia que o edil considera “inadmisible”.

A maiores, a empresa asegurou que as obras serían rematadas no mes de decembro aproveitando que durante dúas semanas, por mor do Nadal, non habería actividade na planta “o que supuxo unha nova tomadura de pelo porque nin se avanzou nas obras nin se parou a actividade agravándose, aínda máis, os problemas dos malos cheiros”.

Un dos problemas máis graves, explica Roberto Villar, é “a incapacidade de Aucosa de manufacturar toda a materia prima que recibe e que queda almacenada durante días na explanada exterior da empresa”. Son residuos de peixe e marisco das conserveiras “que xa chegan en avanzado estado de descomposición, e o mal cheiro empeora co paso do tempo”. A situación agravouse nos últimos días, e onte domingo o axente de Medio Ambiente constatou que se acumulan no recinto “uns 300 colectores cun cheiro pestilente que chegaba ata Teis”

Ante esta situación desde o goberno redondelán aseguran que “defenderán os intereses da veciñanza, a súa calidade de vida e a súa saúde” polo que recorrerán “a todas as vías legais para poñer fin a un gravísimo problema medioambiental e a unha historia de constantes incumprimentos dos compromisos acadados por parte de Aucosa”. Para Villar a única solución pasa por “paralizar a actividade da planta mentres non rematen as obras de mellora que eviten os malos cheiros”. Demanda que os residuos das conserveiras “se desvíen a outras plantas e que se poña a saúde dos veciños por diante dos intereses económicos”.

Tanto a alcaldesa, Digna Rivas, como o concelleiro de Medio ambiente aseguran que durante moitos meses o Concello “tentou chegar a acordos e acadar compromisos para finalizar con este problema”. Entende que agora “é o momento de adoptar outras medidas e conseguir que os organismos competentes en materia medioambiental actúen e adopten as medidas oportunas para poñer fin, dunha vez por todas, a esta situación insostible”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará