Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Choco de Redondela, un produto de etiqueta

Choco_FOTO PRENSA

A Confraría de Pescadores de Redondela abre a campaña do seu produto estrela baixo a marca de calidade “Choco de Redondela”. Son varias as medidas que tomará a Confraría para asegurar a trazabilidade do seu produto, un novo sistema integral de valoración que asegurará unha marca de “orixe, calidade e sostibilidade”. Suprimir a poxa, o etiquetado individual, a venda directa en lonxa e unha rede de vendedores autorizados, son as principais accións que levarán adiante a partir de hoxe mesmo, 1 de febreiro. Xoel Schwarz, Patrón Confraría de Pescadores de Redondela, sinala que deste xeito queren “poñer en valor” este produto e dar “un trato xusto” aos traballadores do mar.

O consumidor poderá demandar esta garantía de calidade e orixe cando desexe adquirir o Choco de Redondela. Existen dous factores que fan único ao “Choco de Redondela”. O seu hábitat, a Enseada de San Simón, é un espazo protexido “Rede Natura 2000”, onde se prioriza a conservación de hábitats naturais, e por outra banda “a dedicación dos pescadores locais e as técnicas artesanais que empregan para a súa captura, defendendo unha pesca sostible e respectuosa co entorno e co medio”. O Patrón Maior sinala que son uns 260 traballadores e traballadoras do mar os que forman parte deste pósito e que coidan “con moito mimo” todo o produto local.

Schwarz confía en igualar, ou mesmo superar, o volume de capturas da pasada campaña, cando se pescaron uns 25.000 quilos de choco, malia que advirte que facer un prognóstico é complicado, xa que dependen das condicións meteorolóxicas.

A situación de pandemia por mor da Covid-19, coas restriccións e o peche da hostalaría ao longo do último ano, supuxo un duro golpe para a Confraría de Redondela, especialmente na venta de marisco como as ameixas. Pola contra, produtos como o choco seguen a ter unha elevada demanda entre os consumidores. O Patrón confía en que nesta campaña que agora comeza siga a ser así, coa novidade de que, a partir de agora, este exquisito cefalópodo lucirá acompañado da súa etiqueta, como distintivo de calidade.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará