Terceira División
Atios 0-2 Choco
O equipo de “Gonza” suma tres novos puntos tras vencer a domicilio no derbi contra o UD Atios.
O tanto de Guille no minuto 31 e o de Mario no 50 fixeron xustiza nun partido con dominio redondelán. O Choco, tras un minutos de inicio de tanteo, esperou con paciencia o momento de morder e foi entón cando chegou o primeiro tanto. Ata entón poucas foron as ocasións creadas por ningún dos dous bloques, sendos o equipo local o que máis o intentaba dende o saque de esquina. Ata que no 31 chegou o primeiro gol nunha contra na que, tralo primeiro tiro de Comis dende o lateral esquerdo, saca Diego e no rexeite téntao Óscar Gil dende dentro da área sen sorte. O segundo rexeite sería aproveitado por Guille, que sacou a súa mellor versión cun tiro coa esquerda e anota o primeiro da tarde. Só 4 minutos despois Jony tentaría igualar o partido, pero Cortegoso impide o tanto cunha boa intervención. E co 0-1 chegouse ao descanso. Tralo paso por vestiarios, o dominio do CD Choco foi total, creando ocasións de perigo mentres o UD Atios xogaba balóns en longo.
No 50 nunha acción a balón parado de falta que é executada por Óscar Gil e rematada por Mario, sobe o segundo do partido. A partir deste segundo gol o Choco tentou sentenciar, e tivo varias ocasións, pero o luminoso xa non se moveu. Nesta segunda metade sería expulsado o adestrador local, Jose Tizón. Estes tres puntos deixan ao Choco no 3º posto da táboa, con opcións de pensar en obxectivos máis ambiciosos que a ansiada permanencia. Esta fin de semana hai parón ligueiro, só se disputarán os partidos aprazados. Cando se retome a competición o Choco recibirá ao Estradense, na parte baixa da táboa.