Remata a primeira fase dos traballos de recuperación dos xardíns da Xunqueira, situados na parte traseira do inmoble onde se sitúa o xulgado coa colocación de mobiliario urbano así como a mellora e limpeza da zona. Na segunda fase dotarase a este espazo de céspede.
Dentro do programa de “recuperación de espazos infrautilizados no casco urbano” para a cidadanía, o concello vén de rematar a primeira fase de mellora desta zona situada ao carón do río e que dará continuidade á área de lecer que se inauguraba en 2018 na antiga parcela de Fenosa.
Como primeiro paso para a rehabilitación desta zona, colocáronse diversos elementos de mobiliario urbano como mesas e papeleiras ademais de renovar os bancos existentes. A próxima semana iniciarase a colocación de céspede para que, unha vez rematada, “as veciñas e veciños poidan contar cun novo espazo de esparexemento no casco urbano de Redondela”.
Uns traballos que visitaban este mércores a alcaldesa Digna Rivas e o concelleiro de Parques e Xardíns, Alberto Álvarez, que destacaban a importancia destes proxectos de recuperación para que a veciñanza conte con zonas verdes céntricas como é os xardíns de Regojo, unha zona abandonada e degradada, agora transformada nun lugar de encontro que ademais de “ofrecer un novo espazo de lecer, fai unha homenaxe e recordatorio á historia industrial do municipio”.