Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

David Muíños: “As Choqueiras naceu para darlle o protagonismo ao balonmán feminino”

AsChoqueiras

O club de balonmán As Choqueiras de Redondela naceu en 2019, e en menos de dous anos a entidade xa conta con preto de 40 deportistas, ademais de éxitos como o campionato de Segunda División Feminina autonómica na categoría Infantil no ano da súa estrea. O seu responsable, David Muíños, leva desde sempre vinculado ao balonmán como xogador e adestrador. Decidiu, xunto cun grupo de colaboradores, poñer en marcha este novo club “para darlle ás mulleres todo o protagonismo que merecen”. Sinala que neste deporte, como noutras disciplinas, “aínda existen diferencias entre os equipos masculinos e femininos, con mellores condicións para os rapaces”.

Comezaron a pasada temporada cun único equipo infantil, e hoxe contan tamén coa categoría cadete e a dos máis pequenos, a benxamín, na que teñen un equipo mixto no que participan tamén algúns nenos. Recoñece que os comezos foros “duros”, a pandemia da Covid-19 tamén lles afectou moito co parón de adestramentos e competición. No club tiraron das novas tecnoloxías para seguir en contacto, porque se algo define a este club é que son “unha gran familia”. Con adestramentos “online” e outras actividades nas redes conseguiron manter viva a actividade física e as relacións sociais entre os diferentes membros do club. Desde a semana pasada puideron retomar os adestramentos “presenciais” e para as rapazas “é unha festa volver ao pavillón”, apunta Muíños. Fan traballo tres días á semana, repartidos entre o pavillón do IES Floriani e o da Marisma. Tamén regresan á competición e, ante as limitacións de aforo nas instalacións deportivas, decidiron poñer en marcha un canal na plataforma YouTube. Deste xeito as familias e afeccionados que non poden seguir a competición desde as gradas poden seguir o partido por internet.

Muíños non se marca uns obxectivos deportivos para este ano tan complicado por mor da Covid-19. O único que esixe ás súas xogadoras é “unha actitude positiva, tamén cando se perde”. Asegura que o “bo ambiente” no club é o máis importante para a directiva, e o que lles inculcan ás deportistas é que sempre hai que “traballar e gozar”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará