Segundo o acordado polo comité clínico na súa reunión deste martes, Soutomaior pasa do nivel máximo ao alto de restricións, xunto a outros 12 municipios (Ponte Caldelas, Vilanova de Arousa, Mos, Cambados, Guitiriz, Lourenzá, Chantada, Mugardos, Cariño, Arteixo, Miño e Sobrado). Os seus habitantes só poderán moverse entre concellos deste mesmo nivel e poderán reunirse cun máximo de catro non conviventes. O interior dos locais de hostalaría debe permanecer pechados, pero si poden abrir as terrazas cun 50 % de ocupación ata as 18:00 horas.
Cribado en Soutomaior
son 2.500 os veciños de Soutomaior que están chamados esta semana a un cribado masivo no Peirao de Arcade para detectar posibles casos de Covid-19. Para iso convócase gradualmente vía SMS telefónico á poboación de entre 30 e 64 anos de idade. De xeito complementario, o Sergas efectúa dous cribados nos centros educativos do municipio de Soutomaior, tanto no CEIP Manuel Padín Truiteiro como no IES de Soutomaior.
Concellos no nivel máximo de restricións
A partir do venres serán seis os concellos galegos no nivel máximo de restricións: Paradela, Vilardevós e Pontecesures entra no nivel máximo, onde xa estaban Boborás, A Mezquita e A Pobra do Brollón. Neste seis municipios están prohibidas as reunións de non conviventes. Tampouco está permitida a mobilidade máis alá do concello. A hostalaría debe permanecer pechada, salvo o servizo de recollida e a domicilio.
Redondela, Pazos e Fornelos en nivel medio
Redondela, igual que o resto dos concellos galegos, segue no terceiro nivel con restricións de carácter medio. Permítese unha ocupación do 30 % no interior de bares, restaurantes e cafetarías e do 50 % nas terrazas, tamén ata as 18:00 horas. Ademais, está permitida a mobilidade con concellos no mesmo nivel e reunións de non conviventes cun máximo de catro persoas.
Os cambios entrarán en vigor na medianoite deste venres 12 de marzo.