Apertura dos establecementos ata as 21.00, mobilidade sen limitacións no interior de toda Galicia salvo nos tres concellos que se sitúan no nivel máximo de restricións, prohibición de reunirse non conviventes nos fogares e a ampliación ata seis non conviventes no exterior dos domicilios, son algunhas das novidades que entrarán en vigor ás 00.00 horas deste venres 19 de marzo.
Redondela é un dos 290 concellos de Galicia que conta cunha incidencia acumulada por baixo dos 150 casos por 100.00 habitantes, o que suporá que dende o venres se sitúe no Nivel 4. Isto permitirá que os establecementos hostaleiros poidan ampliar o aforo tanto no interior como no exterior dos locais. Así, nas terrazas pasarase do 50% de ocupación da actualidade ao 75% e no interior do 30% ao 50%. Con 26 novos casos diagnosticados nos últimos catorce días e unha incidencia acumulada inferior a 150 segundo os datos do SERGAS deste mércores, os redondeláns pasarán a formar parte dese 86% da poboación galega que terá as limitacións máis laxas.
Non é o caso de Soutomaior, municipio que se situará no Nivel 3, xunto a outros 13 concellos que rexistran unha incidencia entre os 150 e os 250 casos por 100.000 habitantes. Concretamente, os datos da Consellería de Sanidade deste mércores rexistran 14 novos casos nas últimas dúas semanas, o que sitúa á localidade nesta franxa de incidencia. Así as cousas, a hostalería de Soutomaior poderá ter unha ocupación do 30% no interior e do 50% en terraza.
Unhas medidas que serán revisadas o luns ou martes da Semana Santa, segundo explicaba o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, quen facía fincapé na prohibición da reunión de non conviventes no interior dos domicilios dende este mesmo venres.
Medidas para todos os concellos salvo os 3 que se atopan en máxima alerta:
-Mobilidade entre municipios, independentemente da incidencia acumulada.
-Apertura hostalería ata as 21.00 horas.
-Prohibidas reunións non conviventes en domicilios
-Reunións fóra do domicilio: catro no conviventes no interior, amplíase a seis nos exteriores
– Amplíase a ocupación en instalacións deportivas ou centros culturais, en ningún caso por riba do 50%.
– Mantense o peche perimetral de Galicia
-Mantense o toque de queda ás 22.00 horas