Os colectivos veciñais das tres parroquias fan unha chamamento á cidadanía para que participe na manifestación organizada para mañá sábado contra a peaxe da AP-9. Prexudicados desde hai décadas polo trazado da autoestrada, e os últimos 6 anos polas obras de ampliación, a paciencia dos veciños “esgótase”. Fartos de compromisos dos sucesivos gobernos que non se fan realidade, as asociacións de Chapela, Trasmañó e Teis convocan unha manifestación para mañá sábado, 27 de marzo. Sairán á rúa para esixir a eliminación da peaxe “xa” e a reparación das vías afectadas polas obras da autoestrada. Reclaman tamén as melloras comprometidas, como as pantallas acústicas, o tramo urbano cara Vigo con entrada e saída da AP-9 á altura da zona coñecida como Torres de Padín, e a eliminación do tráfico pesado en Chapela e Teis. A marcha sairá as 17:30 horas da rotonda de Torres Padín, para acabar no acceso a autopista na Avenida de Bos Aires. A supresión da peaxe de Rande xa fora anunciada en 2018 polo anterior goberno, do PP. Actualmente existe unha partida nos orzamentos do Estado para sufragar a gratuidade do tramo “pero a finais de marzo segue sen ser unha realidade”, lamenta Marcial Pérez, presidente da asociación de veciños de Chapela. Cualifica de “burla” a actitude do Ministerio de Transportes “porque dixeron que se suprimiría a peaxe no primeiro semestre do ano, e agora din que será no segundo semestre”. Din estar “cansos de tanto engano” e esixen “feitos”. Fai un chamamento aos veciños de todo o municipio para que participen nesta marcha.
Lembran que xa pasaron máis de 3 anos dende que se inaugurou a ampliación da autoestrada, “e Chapela segue destrozada e desprotexida”. Explica Pérez que a pesar de que o ministerio de Ábalos anunciou a licitación das obras de reposición nesta parroquia “seguimos sen coñecer prazos concretos”.