O sector sufriu estes últimos meses cuantiosas perdas pola situación meteorolóxica cunha mortalidade da ameixa próxima ao 90%. Unha subvención que pretende paliar os prexuízos que supuxo para o sector marisqueiro do municipio as cuantiosas choivas deste ano que provocaron un descenso da salinidade da auga da ría e a morte de boa parte do marisco.
O concello de Soutomaior concederá unha subvención de 30.000 euros, procedentes do remanente de tesouraría, para financiar a compra de semente de ameixa. Con esta axuda, espérase que a Confraría poida facer fronte á nova campaña de sementado do molusco nos bancos marisqueiros de Arcade e recobrar a normalidade tras uns anos complicados debido á inestabilidade meteorolóxica.
Esta non é a primeira vez que a confraría recibe unha axuda para a repoboación da cría, xa que en 2019 tamén se aprobou unha achega de 15.000 euros. O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, destaca a importancia deste sector para o concello, xa que son máis de 200 familias as que viven directa ou indirectamente do marisqueo.