Hoxe é Xoves 26 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O IES de Chapela denuncia ante a OMS os problemas de ruído que sofren no centro

IESchapela

No centro de ensino leva décadas sufrindo o ruído enxordecedor do tráfico da AP9. O problema agravouse coa ampliación da autoestrada neste tramo, o que achegou máis o vial ao instituto e incrementou a velocidade do tráfico. Ao igual que os colectivos veciñais, reclaman desde hai anos a instalación de pantallas acústicas que reduzan o problema. Goberno central e Audasa, empresa concesionaria da AP9, comprometéronse en 2016 a instalar estas barreiras para reducir a contaminación acústica, pero a día de hoxe aínda non hai datas nin orzamento para a súa colocación. Logo de reclamar unha solución a administración local, autonómica e estatal, o IES Chapela avanza un chanzo máis e eleva a súa queixa á Organización Mundial da Saúde.

Miguel Pérez Lorenzo, director do IES Chapela

O director do centro, Miguel Pérez Lorenzo, explica que están “fartos” desta situación que arrastran desde hai 30 anos e esixen “feitos”. A AP9 transcorre a escasos metros do instituto, polo que alumnado e mestres deben soportar un nivel de ruído de entre 60 e 70 decibelios, cando o máximo permitido por lei son 55 dB, e os estudos científicos advirten que o límite “soportable” son 45 dB. Os problemas incrementáronse neste curso pola necesidade de ter as fiestras abertas, como marca o protocolo Covid. Por iso, coincidindo co Día Mundial da Saúde, remitiron un escrito á OMS. A profesora de inglés, Teresa Da Cuña, traballou nun texto en inglés que xa está en mans deste organismo internacional. A carta foi dirixida á doutora Dorota Jarosińska, quen traballa no Centro Europeo da OMS para o Medio ambiente e Saúde en Bonn, liderando un programa sobre exposicións e riscos ambientais para a saúde como a contaminación do aire, os produtos químicos ou o ruído.

O IES Chapela remitiu un escrito á OMS coincidindo co Día Mundial da Saúde

Pérez Lorenzo lamenta que, malia os reiterados compromisos de Audasa, concesionaria da autoestrada, e do Ministerio de Transportes, o problema aínda non se teña resolto. Advirte que seguirán reivindicando o que é “de xustiza”, e que non se van cansar de reclamar as comprometidas pantallas acústicas. Sinala que tamén é “un obxectivo pedagóxico” xa que así ensinan ao seu alumnado “a reivindicar aquelo ao que teñen dereito”

Pérez Lorenzo advirte que seguirán dando a batalla ata que se cumpran os compromisos do goberno e Audasa

Advirte que o rendemento académico dos alumnos baixa polos problemas que xera este ruído constante, que lles provoca “irritabilidade, estrés e cansazo”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará