Hoxe é Mércores 27 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

¿Somos os galegos os lectores máis afortunados do mundo? Por Tania Lago.

TANIA LAGO

            Para evitar o risco de equivocarnos e non faltar ao prototipo estandarizado de resposta galega, atrevémonos a afirmar sen ningunha dúbida que: quizais

            Para avaliar esta posibilidade o primeiro paso sería o de concretar o que subxectivamente entendemos por “fortuna” no ámbito da lectura. Para algúns pode ser a calidade do que se publica ou como se edita na súa parcela editorial, para outros dependerá do histórico acumulado da súa literatura, da traxectoria histórica e dos grandes hitos á súa disposición, tamén pode terse en consideración a cantidade de novidades editoriais publicadas cada ano ou a variedade ofrecida, tamén en canto á cantidade de obras estranxeiras que chegan a través dese ben tan prezado que é a traducción. Por suposto, canto maior sexa a suma de todos estes factores, de maior gloria gozará o lector. Sen embargo, para min a maior das fortunas da que pode dispoñer un lector son, precisamente as posibilidades, a diversidade das voces ás que pode acceder desde a súa posición. Con toda a razón, pode sinalarse que estas posibilidades  non só dependen de factores externos senon que dependen en grande medida das características previas do suxeito leitor, pois unha persoa que domina 5 linguas e viaxa continuamente terá moitas máis posibilidades de acceder a voces que respondan a distintas tradicións literarias e culturais. E, aínda que poida parecer unha realidade idílica a de unha persoa que sexa independente no uso de tantas linguas e ademais Teña a oportunidade de interactuar con elas viaxando polo mundo, precisamente este é o factor de fortuna que penso que os galegos temos á nosa disposición de xeito natural e que moitas veces pasa inadvertida.

            O máis habitual é que unha persoa galega sexa naturalmente bilingüe, independentemente da lingua que decida usar na súa vida diaria, ten a sorte de poder comunicarse e entender galego e castelán de xeito indistinto. Con iso ten as chaves preferentes a dúas literaturas, dous mercados editoriais propios, cada un coas súas características e especialidades, que nalgún punto converxen, pero que en esencia responden a historias e realidades diferentes. Isto por si mesmo, xa supón unha sorte enorme para calquera ávido leitor, pois é como ter o doble de opcións de xeito gratuito sen ter que pagar a peaxe de aprender un novo idioma ou de ter que viaxar a outro país, (sexa presencialmente ou  a través da web) para atopar libros noutra lingua. Estas dúas linguas sempre aportan tamén o amplo catálogo de obras traducidas a cada unha delas, un panorama cada vez máis amplo e diverso, aumentando expoñencialmente as posibilidades ás que ten acceso calquera que queira ler.

            Pero traer de serie estas dúas linguas e non outras, só supón unha tremenda sorte caleidoscópica, pois cada unha delas abre portas a outras literaturas máis aló da nosa xeografía (non estamos valorando as máis que cuestionables razóns históricas que orixinaron este fenómeno, soamente a situación de que o presente sexa como é). O castelán ofrécenos unha entrada preferente a toda a literatura latinoaméricana que, de tan rica, exuberante e variada lembra á extraordinaria diversidade das súas paisaxes, que desde México ao punto máis ao sur de Chile decide non aburrirse repetíndose. Por se fose pouca fortuna, o galego ofrécenos unha ponte de acceso a toda a literatura lusófona, pois aínda que non sabemos falar un portugués perfecto de xeito natural, o feito de que as nosas linguas fosen unha mesma durante séculos ofrécenos unha posición inmellorable para poder acceder á súa literatura sen realizar un grande esforzo. O galego e o portugués son linguas irmás que se comprenden unha a outra, se ben oralmente poida xurdir algunha dificultade engadida para os falantes, a palabra escrita ofrécenos unha oportunidade sen igual (e sen os obstáculos da sofisticada e rica fonética que nos puideran complicar un pouco o entendemento) que nos permite mergullarnos nunha historia sen grandes problemas. Por propia experiencia podo asegurar que rematado o primeiro libro en portugués a sorpresa é comparable a dos buscadores de tesouros ao descubrirnos posuidores dunha chave á literatura de toda a lusofonía, que nos ofrece voces en primeira persoa procedentes de catro continentes distintos. Desde o tantas veces esquecido país veciño ata o lonxano Timor Oriental, pasamos polo imparable crecemento de Brasil e un variado grupo de países que nos achegan  a realidade de África ou da historia colonial desde os diferentes puntos de vista de Mozambique, Angola, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Guinea Ecuatorial ou Santo Tomé e Príncipe. Nun momento no que comezamos a decatarnos da importancia que ten a presenza de voces literarias de fóra do circuito occidental para sair do noso típico eurocentrismo, decatámonos de que levabamos todo este tempo a chave no peto.

            Tratándose de literatura non é o máis propio basearse en números, pero están da Nosa parte: temos acceso (se non pleno, polo menos fácil) a duas linguas das 10 máis faladas do mundo, que xuntas sobrepasan por moito o número de falantes nativos do inglés, por exemplo (546 millóns fronte a 375 millóns de persoas)[1] e nun reconto aproximado partimos de acceso á literaturas de máis de 20 países. Tentando responder á pregunta que dá orixe a toda esta reflexión, non sei se podemos afirmar se os galegos somos os lectores máis afortunados deste planeta, tampouco é que se trate dunha competición, pero si estou segura de que somos un clube de lectores con moita sorte.

Tania Lago Míguez (O Viso). Xestora de proxectos.

@literaturas_irmas


[1] Fonte dos datos: https://es.statista.com/estadisticas/635631/los-idiomas-mas-hablados-en-el-mundo/

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará