Redondela celebra mañán, 23 de abril, o día internacional do libro coa presentación do último traballo de J.A. Xesteira. O autor redondelán explica que “Cóntamo outra vez, Rick” recolle relatos curtos de diferentes épocas, algúns con 30 anos de historia. “Son contos que vas escribindo e quedan nun caixón”, sinala Xesteira. O pasado ano, cando comezou o confinamento pola pandemia da Covid, “rescatounos” e foinos enviando semanalmente á súas amizades. Agora a Editorial Galaxia recólleos nun libro, que xa está dispoñible nas librerías. Xesteira enlaza os relatos cun fío argumental moi persoal, musical e cinematográfico propios do autor. Afirma que tanto a escritura como a música ou o cine son “xeitos diferentes de contar historias, que ao final é o importante”.
No acto de presentación, que se celebra no auditorio da Xunqueira ás 19.00 horas, estarán xunto ao autor Lola Míguez (filóloga e membro de SEREN, Seminario de Estudos Redondeláns) e Carlos Lema, Director de edicións de Galaxia.
Debido ás medidas de prevención da COVID-19 o aforo será reducido e as persoas que queiran asistir deberán reservar praza no propio Multiúsos da Xunqueira. Será obrigatorio o uso de máscara e a desinfección previa das mans antes da entrada no auditorio.