Co gallo da celebración do Día da Nai, o próximo 2 de maio, a Asociación de Empresarios de Redondela realiza unha promoción das tarxetas regalo conxuntas do comercio de Redondela. Deste xeito tentan “impulsar as vendas no pequeno comercio” ao tempo que ofrecen aos clientes unha solución ideal para agasallar ás nai “e acertar seguro”. Explican que a tarxeta é moi sinxela de utilizar, tanto para os clientes como para os comerciantes, xa que pode gastarse en calquera dos establecementos adheridos, e o listado pode consultarse escaneando o código QR que aparece no propio cartón. As tarxetas están dispoñibles para importes de 20, 50 e 100 euros. Hai unha ampla variedade de establecementos, desde comercios de roupa, calzado e complementos ata salóns de peiteado, centros de masaxes, tendas de decoración ou florerías, e tamén locais de hostalaría. A clientela que merque tarxeta regalo con motivo do Día da Nai poderá participar nun sorteo especial de 500 euros en tarxetas regalo.