Na madrugada do domingo apareceron pintadas en edificios públicos e privados do centro da vila. Mobiliario urbano e elementos patrimoniais amenceron con pintadas, que mesmo afectaron ás fotografías da recentemente inaugurada exposición “Mulleres da Illa”. O Concello de Redondela realizou un inventario de todos os danos ocasionados para presentar a correspondente denuncia na Policía Nacional de Redondela para que se desenvolvan as investigacións pertinentes “que dean co autor ou autores dos feitos”. O Viaduto de Madrid, o palco da música, o quiosco da Alameda, o mercado de abastos e o multiúsos da Xunqueira amenceron o domingo con pintadas ás que se suman as realizadas en varios edificios de vivendas do casco urbano. Mesmo os carteis de homenaxe ás “madriñas” de San Simón que se inauguraran o pasado venres e que representan “o valor destas mulleres en época da Guerra Civil e da ditadura franquista” sufriron pintadas. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, condenou estes feitos “que nada teñen que ver coa lexítima defensa das ideas de cada quen, senón que son actos incívicos e vandálicos dos que carecen do máis mínimo respecto polos bens públicos que son patrimonio de toda a cidadanía”.
A rexedora engadiu que estes feitos “prexudican notablemente á cidadanía” porque para limpar estas pintadas “é preciso empregar o tempo do persoal municipal e cartos do Concello que son diñeiros de todas e todos os veciños”. Non é esta a primeira vez que estes actos se producen, de feito, no pasado mes de marzo o Concello de Redondela denunciaba feitos similares na área infantil de Vilar do Mato, na parroquia de Ventosela. Tamén na parroquia de Chapela os veciños levan anos denunciando a proliferación de pintadas, tanto en edificios privados como en espazos públicos. O Concello segue chamando á colaboración veciñal para que, no caso de ser testemuña deste tipo de incidentes, se poñan en contacto coa Policía Local.