Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Protesta contra Aucosa por terra e mar

AucosaManiPancarta

Ao berro de “Aucosa, fóra da ría!” unhas 300 persoas manifestáronse este mediodía no acceso á factoría de Cabanas. Convocados por colectivos veciñais, plataformas en defensa da ría e pescadores, os manifestantes esixiron unha vez máis a paralización da actividade da auxiliar conserveira. Á protesta sumáronse unha vintena de embarcacións que fixeron unha mobilización por mar. A Comisión Veciñal de Cabanas, Rande, Chapela e Redondela leva anos denunciando os incumprimentos de Aucosa en materia ambiental e urbanística. Advirten que a auxiliar conserveira, que fabrica fariñas e aceites de peixe, provoca fortes cheiros que afectan “á calidade de vida e á saúde dos veciños” e tamén verquidos na ría “que contaminan un patrimonio natural que é de todos”. Na lectura do manifesto a veciñanza afirma que as recentes obras de reforma acometidas pola empresa “non serviron para eliminar os malos cheiros” e que Aucosa debe trasladarse a un lugar axeitado “onde non atente contra os dereitos humanos”.

Na lectura do manifesto os veciños esixiron o traslado de Aucosa fóra da ría

Veciños como Jose Luis padecen a diario os malos cheiros de Aucosa, que tamén afectan a outras zonas “segundo como sopre o vento”, xa que onte chegaban “ata o multiusos do Piñeiral en Chapela”. Por outra banda os verquidos á ría “afectan aos bancos marisqueiros, e especies como a navalla desapareceron”. Non comprenden como a Xunta de Galicia permite esta actividade contaminante “en plena zona de protección da Rede Natura” e esixen que se traslade “a un polígono industrial”.

Os veciños aseguran que as reformas acometidas na factoría non reduciron a contaminación

Levan décadas “aguantando uns cheiros insoportables” e facendo denuncias na policía “a diario”. Javier, que leva máis de 20 anos vivindo na zona asegura que están a sufrir moito e que así “non se pode vivir”.

Os afectados realizan denuncias a diario polos malos cheiros e os verquidos de Aucosa

Tamén representantes políticos de PsdG-PSOE, AER e BNG participaron na concentración. A deputada nacionalista Alexandra Fernández lembrou que o BNG solicitou á Xunta de Galicia “que revise de oficio a autorización ambiental de Aucosa”. Entende que os incumprimentos da fábrica en materia ambiental e urbanística son motivos “máis que de sobra” para actuar. Sinala que os cheiros que provoca Aucosa, xunto cos verquidos á ría e a instalación dunha planta de gas licuado son incumprimentos reiterados da normativa.

Alexandra Fernández, deputada do BNG

O concelleiro Roberto Villar, responsable de Medio Ambiente, apuntou tamén á responsabilidade da Xunta de Galicia por permitir que Aucosa continúe coa súa actividade na ría. Sinala que a petición dos veciños e do goberno local non é que se peche a fábrica, senón que se traslade a unha zona industrial.

Roberto Villar, concelleiro de Medio Ambiente de Redondela

Tamén a alcaldesa, Digna Rivas, asistiu á mobilización en apoio aos veciños, e advertiu que o goberno local “seguirá pelexando e esixindo á Xunta que asuma as súas responsabilidades neste asunto”.

Digna Rivas, alcaldesa de Redondela

Rivas sinala que nun entorno natural privilexiado como é a Enseada de San Simón”non se pode permitir a actividade dunha empresa contaminante”.

Unha vintena de embarcación participaron na protesta por mar
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará