O Concello de Soutomaior pon en marcha varias iniciativas para a conmemoración do Día das Letras Galegas deste ano, dedicado á figura do poeta Xela Arias. As actividades están deseñadas para fomentar o uso do galego entre os máis novos. Haberá dous concursos literarios e de comunicación, e tamén actividades presenciais na festividade das Letras Galegas.
“Verbas para comunicar” e “Penso, logo existo en galego”
O certame literario Verbas para…comunicar chega á súa XIII edición e busca promover o uso do galego entre a mocidade cunha iniciativa organizada a través dos centros escolares do municipio. No caso de “Penso, logo existo en galego” pretende fomentar o uso do galego a través das redes sociais. Para participar os interesados poderán facelo a través das redes sociais Facebook e Instagram incluíndo os hashtags #omixsoutomaior e #SoutomaiorPensoLogoExistoEnGalego. O prazo de presentación comeza o 14 de maio e finaliza o día 21. As composicións deberán conter un mínimo de 80 palabras para as publicacións de textos con foto (en Facebook) e de 50 palabras para os vídeos e audios (Instagram). Entre todos os participantes sortearanse 4 patinetes eléctricos.
Ademais dos dous certames en lingua galega, para o luns 17 de maio, Día das Letras Galegas, o Concello presentou dúas iniciativas para o público máis novo, unha xincana deportiva con xogos tradicionais e un contacontos infantil sobre as grandes literatas galegas. As dúas terán lugar na alameda Talo Río de Arcade.