Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela demanda o Bacharelato de Artes

dav

Representantes das ANPAS asistiron ao pleno para demandar o BAcharelato de Artes en Redondela

Todos os grupos da corporación aprobaron de xeito unánime a moción presentada polas ANPAS dos centros públicos de Redondela para demandar á Xunta de Galicia que se imparta no municipio o Bacharelato de Artes. Asociacións de Nais e Pais de alumnos de catorce centros de ensino levaron a súa proposta ao pleno celebrado a pasada noite no auditorio da Xunqueira. No texto da moción, que se encargou de ler Estela Mouriño, alumna do IES Mendiño, lembran que Redondela é un referente cultural que conta con nomes ilustres do mundo das letras, as artes plásticas, escénicas ou musicais. Por iso lamentan “a eiva inexplicable” que supón que ningún dos catro institutos do municipio imparta o Bacharelato de Artes. O alumnado que quere matricularse neste especialidade ten que facelo en Mos, Vigo ou Pontevedra. Advirten que isto implica “un importante desembolso económico, ademais de investir tempo para chegar ata o centro de estudos”. Non existe transporte público no caso de Mos, e para desprazarse a Vigo ou Pontevedra deben coller tres ou catro autobuses. Estela, que en setembro comezará 4º da ESO, pediu o apoio dos grupos municipais para que o alumando de Redondela teña a opción de cursar o Bacharelato de Artes sen que iso supoña un prexuízo para eles e as súas as familias.

Estela Mouriño, alumna do IES Mendiño, foi a encargada de ler a moción presentada polas ANPAS

A demanda desta especialidade é “real” por parte do alumnado, e malia ter que facer longos desprazamentos no curso que acaba de rematar houbo máis de 30 matrículas de mozos e mozas de Redondela en centros de Vigo e Pontevedra. No IES de Mos xa non hai prazas libres a día de hoxe. A concelleira do BNG, Jéssica García, lembrou que o pasado mes de maio o o deputado nacionalista Manu Lourenzo levou ao Parlamento de Galicia esta proposta, que foi rexeitada polo PP. García insistiu no prexuízo que supón para un alumno de Redondela ter que desprazarse a outro municipio para facer o bacharelato, e criticou que ata o de agora desde o Concello “non se teña feito nada para remedialo”.

Jéssica García, concelleira do BNG

A concelleira de Ensino, Olga García, do PSOE, explicou que desde o seu departamento xa lle trasladaron á Xunta de Galicia esta demanda, e que co proxecto de ampliación do IES Pedro Floriani habería espazo suficiente para poden impartir esta especialidade de bacharelato.

Olga García, concelleira do PSdG-PSOE e responsable de Ensino

Desde o PP, malia ter votado en contra no parlamento galego, apoiaron a moción das ANPAS. A voceira, Carmen Amoedo, recoñeceu que se é unha petición de todas as asociacións de nais e pais de alumnos “o que deben facer todos os grupos é estar á altura” e facerlle entender á Xunta esta necesidade.

Carmen Amoedo, voceira do PP

Desde AER, o concelleiro Daniel Boullosa cualificou de “incoherente” a postura do PP, que no pleno de Redondela apoia a petición das familias “pero no parlamento galego vota en contra”. O edil de Cultura amosou o “total apoio” da súa formación a esta demanda.

Daniel Boullosa, concelleiro de AER e responsable da área de Cultura

A moción, aprobada por unanimidade, supón que o Concello se dirixirá á Consellería de Educación “para que se inicien os trámites oportunos para a instauración do Bacharelato de Artes no Concello de Redondela”. A moción foi presentada polas ANPAS da EEI A Marisma, EEI de San Pedro, EEI de Ventosela, CEIP de Quintela, CEIP Outeiro das Penas, CEIP Igrexa, CEIP Alexandre Bóveda, CEIP Cedeira, CEIP Porto Cabeiro, CEIP Reboreda, CEIP Santa Mariña, IES Chapela, IES Illa de San Simón e IES Mendiño.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará