Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Baixas e vacacións deixan Redondela sen policía local

policiaRedondela

O pasado sábado, día 26, non había ningún axente de servizo no municipio, e o domingo 27 tan só traballou unha axente. O motivo da falta de persoal son as baixas e as vacacións dos policías. Moitos dos efectivos están a gozar das vacacións pendentes do ano pasado, que non puideron coller por mor da pandemia. Dáse a circunstancia de que o pasado sábado rexistrouse un grave accidente na estrada N-550, no que faleceu un motorista, e ningún axente estaba de servizo, polo que se fixeron cargo efectivos da Garda Civil coa colaboración dos voluntarios de Protección Civil. O domingo, xornada na que tivo lugar outro accidente na mesma estrada, tan só unha axente estaba de servizo para atender as posibles incidencias de todo o municipio.

A concelleira de Interior, Marta Alonso, explica que o día 30 de xuño remata o prazo para que poidan dispoñer dos días de descanso que lle corresponden de 2020, polo que a finais de mes “estase acumulando o número de axentes de vacacións”. Alonso sinala que a día de hoxe o persoal da Policía Local conta cun total de 28 membros. Tres destes efectivos están actualmente de baixa, unha delas de longa duración, e outros dous axentes están a gozar do permiso de paternidade. Tendo en conta o persoal de oficina e o axente adscrito a servizos de medio ambiente “son en total 23 os axentes dispoñibles para patrullar na rúa”, explica Alonso. A concelleira sinala tamén que nestes momentos Concello e Policía Local están “en plenas negociacións” do convenio laboral, no que os axentes demandan melloras.

O grupo municipal do Partido Popular solicitou á alcaldesa, Digna Rivas, unha convocatoria urxente da Xunta de Portavoces ante o que consideran unha “intolerable” falta de efectivos da Policía Local. Carmen Amoedo, voceira dos populares, culpa desta situación “á incompetencia” da concelleira de Interior, e acusa tamén á rexedora de deixamento de funcións “por manter a Marta Alonso á fronte deste departamento”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará