Liga Galega B
Esta pasada fin de semana comezou o remo na LG-B e tamén na LG feminina, ademais de disputarse a segunda regata da LG-A. A Liga B arrancou o sábado cunha proba na ETEA, na que os barcos de Narón, Mugardos e Cedeira subiron ao podio por esta orde. Despois das traiñeiras de Ferrolterra a mellor clasificada foi Chapela, que quedou en cuarta posición e foi a máis destacada das embarcacións da ría de Vigo. Virxe da Guía, organizadora do evento, foi descualificada ao equivocarse de rúa na entrada a meta. Onte domingo disputouse a Bandeira Concello de Cangas, nesta segunda xornada ligueira o barco de Chapela foi 5º. Na cabeza da regata cambiaron as tornas e Mugardos proclamouse campión seguido de Narón, que foi segundo, ocupando Amegrove e Cedeira o 3º e 4º posto respectivamente. O próximo sábado, día 10, celébrase a terceira regata da temporada en Narón.
Liga Galega A
O Cesantes Rodavigo acadou o 4º posto na XVI Bandeira Concello da Pobra do Caramiñal, na que Samertolameu foi a vencedora indiscutible. Os de Moaña foron moi superiores nunha xornada de vento e mar complicado. Bueu e Cabo da Cruz ocuparon o 2º e 3º posto no podio, respectivamente. Logo dos resultados acadados onte, o barco de Cesantes é 6º na clasificación xeral. A liga domínaa Samertolameu perseguida por Bueu e Cabo a 2 e 4 puntos de distancia.
Liga Galega Feminina
A competición feminina estreouse tamén na Pobra na xornada de onte coa I Bandeira Alicrusa, que gañou Cabo da Cruz. As remeiras do C.R. Chapela foron segundas, a 19 segundos de Cabo.
A próxima fin de semana continúa a competición en todas as categorías, as mulleres con dobre cita. O sábado a LG Feminina dispútase en Perillo, e o domingo en Cabo. A Liga Galega B rema o sábado en Narón, e a LG-A o domingo en Cabo.