O concelleiro Daniel Boullosa e o pintor Pepe Romero-Amich estiveron en Radio Redondela para falar da mostra
A mostra “Hollywood 2021” do artista e arquitecto José Romero-Amich recolle 18 obras sobre longametraxes icónicas da historia do cine estadounidense
Desde “Casabranca” ata “A Guerra das Galaxias”, pasando por “O Resplandor”, “Kill Bill” ou “Os paxaros”. Así ata un total de 18 pinturas que recollen imaxes icónicas do cine de Hollywood facendo un percorrido por case un século de historia. O autor da exposición é José Romero-Amich, arquitecto municipal en Redondela desde hai máis de 20 anos e apaixonado da pintura, afección que cultivou aínda máis desde a pandemia. Coas imaxes de películas como “O Padriño”, “Mogambo” ou “As uvas da ira” o autor quixo ir máis aló da estética e plasmar tamén “sentimentos e emocións que hai detrás destas longametraxes, como o medo, o amor ou a paixón”
Segundo Daniel Boullosa, concelleiro de Cultura, a mostra está a ser un éxito rotundo e convida á cidadanía a pasar polo Multiusos para vela xa que quedarán “gratamente sorprendidos tanto pola técnica empregada como polo que representa a mostra para os amantes do cinema”. Boullosa convida ao público a facer tamén “un xogo de memoria” e visitar a exposición tentando recoñecer a película que representa cada imaxe, ou lembrar a súa banda sonora.
A mostra está aberta ao público ao longo de todo o mes de xullo no horario de apertura do Multiusos da Xunqueira.