No pleno extraordinario celebrado na tarde de onte no auditorio da Xunqueira fíxose oficial a renuncia de Marta Alonso á súa acta de concelleira. Alonso formaba parte do grupo socialista e era responsable das áreas de Seguridade e Interior, e Eventos. As xa ex concelleira, visiblemente emocionada, agradeceu aos veciños de Redondela e ao partido Socialista “a oportunidade de formar parte da corporación”. Tamén tivo palabras de agradecemento para os funcionarios e traballadores do Concello, así como para os voluntarios de Protección Civil polo seu “magnífico labor” e cos que compartiu momentos “difíciles e tamén agradables”, e para os seus compañeiros “polos momentos vividos”.
Alonso dixo marchar da corporación “coa cabeza alta”, e confesou que se sentía “con gañas e forzas de loitar ata o final”, e lamentou que “non puido ser”. Pediu perdón polos seus erros, e asegurou que deixa o goberno “con dor de corazón”.
Os compañeiros de corporación despediron a Alonso desexándolle “o mellor” na súa vida persoal e profesional. Desde o BNG Xoán Carlos González sinalou a importancia de que alguén dedica dedicarse á política “sobre todo unha muller, porque teñen máis obstáculos para desenvolver unha actividade pública”, e dixo que o importante é quedarse “coa parte do servizo á cidadanía”.
O voceiro dos socios de goberno de AER, Roberto Villar, tivo cariñosas palabras para Alonso logo de compartir dous anos no executivo local. Asegurou que foi “unha ledicia” compartir con ela “momentos difíciles e tamén alegres”.
Tamén a voceira do PP, Carmen Amoedo, moi crítica coa xestión de Alonso nas súas áreas de goberno, agradeceulle tamén o seu servizo público nestes dous anos e desexoulle “o mellor na súa vida”.
Digna Rivas, como alcaldesa e en representación do grupo socialista, agradeceulle a Alonso o seu traballo estes anos, a súa “dedicación e implicación”.
Mentres non se cubra a súa vacante, as áreas que ata o de agora xestionaba Alonso serán asumidas directamente pola alcaldesa. A súa dimisión chega despois de dúas semanas marcadas pola polémica na xestión da Policía Local de Redondela, ao estar o municipio sen ningún axente de servizo o pasado 26 de xuño, xornada na que se produciu un grave accidente cun motorista falecido. Actualmente as baixas, permisos e vacacións do persoal levan a que o servizo estea “baixo mínimos”. Nos últimos días en varias ocasións un único policía estivo de servizo para todo o municipio. Os axentes falan de “falta de previsión e mala xestión” por parte dos responsables municipais.