A socialista Digna Rivas accedeu á alcaldía co apoio de AER, socios de goberno, e o BNG
A decisión da alcaldesa de retirar a competencia da limpeza das praias a AER abre unha fenda no goberno bipartito. A Agrupación de Electores denuncia que Rivas impuxese o seu criterio na xestión dos areais, o que consideran unha ruptura “unilateral” do acordo de goberno. Por iso esixen ao PSOE un relevo na alcaldía “que permita manter o pacto de goberno entre socialistas e AER”.
A Agrupación de Electores recibiu con “sorpresa” a decisión de Digna Rivas de retirar ao concelleiro Roberto Villar a competencia sobre a limpeza de praias e medio mariño. O socialista Ignacio González asumiu o sábado esa xestión, comezaron os traballos de retirada de algas dos areais. Rivas xustificou esta decisión “para dar resposta ás reclamacións da veciñanza sobre a limpeza dos areais”. Xosé Carlos Orge “Cuni”, voceiro de AER, recoñece que os socios de goberno teñen “diferentes criterios sobre a xestión das algas nas praias”, e critica que a alcaldesa quixese “impoñer o seu” cando esta área era do departamento de Medio Ambiente. Orge advirte que “este non é o xeito de proceder se quere darse estabilidade ao goberno bipartito”. AER lamenta que unha cuestión que non é un tema “capital” poida traer consecuencias na gobernanza de Redondela
AER sinala que as actuacións levadas a cabo na praia de Cesantes esta pasada fin de semana “non só van en contra do proxecto medioambiental de AER, senón tamén do propio programa electoral do PSdeG-PSOE”. Explican que esta limpeza con maquinaria pesada “fai perigar a concesión dunha subvención de case 200.000 euros do Ministerio de Transición Ecolóxica presentada entre a Universidade de Vigo, o Concello de Redondela e a Confraría de Pescadores e mariscadoras de Redondela”.
Reunión dos socios de goberno
A Agrupación de Electores de Redondela reunirase nas próximas horas co PSOE para avaliar a actual situación do goberno municipal. Para AER a primeira opción é “manter o pacto de goberno”, pero advirten que esta continuidade pasa “por un relevo na alcaldía”. Recoñecen que perderon a confianza en Digna Rivas, e seguir no goberno con ela á fronte sería “practicamente imposible”. Deixan o balón no tellado do grupo socialista “que debe buscar unha alternativa”.
A Agrupación tomou esta decisión logo dunha xuntanza urxente dos seus membros celebrada onte domingo. Afirman que é unha resposta “meditada dende a calma” e que adoptan “por responsabilidade co electorado redondelán” xa que o seu compromiso era favorecer un goberno alternativo ao PP.
Os socialistas, con Digna Rivas como alcaldesa, contan con sete edís na corporación. A investidura foi posible en 2019 grazas aos tres votos de AER, actuais socios de goberno, máis os dous do BNG. O partido máis votado foi o PP, con nove concelleiros.