Cun total de 115 novos contaxios nos últimos 14 días, Redondela suma un total de 122 casos activos a día de hoxe. Este incremento dos contaxios deixa unha incidencia acumulada no Concello de 394 casos por cada 100.000 habitantes. A situación é peor no caso da cidade de Vigo, onde a incidencia acumulada supera os 500 casos (517), con 1.527 contaxios novos nas últimas dúas semanas. En Soutomaior a incidencia é menor, malia ter subido notablemente nos últimos días, con 21 contaxios novos nos últimos 14 días e unha IA de 284 casos.
Galicia supera o pico da segunda vaga
Nesta quinta onda da pandemia Galicia superou xa o pico da segunda vaga, con 11.086 casos activos, 723 máis ca onte, segundo os últimos datos do Sergas. Por áreas sanitarias, a de Vigo é a que rexistra máis casos (2.490), seguida de Ourense (2.014), A Coruña (1.898) e Pontevedra (1.879). No que respecta á situación nos hospitais, sobe considerablemente o número de pacientes ingresados. Hai en total 140 pacientes: 119 en planta (+19) e 21 nas UCI (-1).
O comité clínico apunta a un uso máis estrito das máscaras para frear os contaxios
Os membros do comité clínico que asesoran á Xunta sobre a pandemia non descartan que na reunión deste martes se recomende endurecer as medidas restritivas ante a nova repunta da pandemia. Sinalan que para afrontar a nova onda é necesario recuperar o uso da máscara a maior parte do tempo. Sanidade tamén estuda prohibir reunións nocturnas e esixir probas PCR en celebracións con máis de 10 asistentes, ou ter a pauta de vacinación completa.