Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela recupera un gran tesouro, a súa microtoponimia

microtoponimia redondela

Soutos, regatos,ou castros dan nome aos lugares que habitamos desde hai milleiros de anos. Estes topónimos teñen pasado de xeito oral de xeración en xeración durante séculos, pero moitos están a día de hoxe en risco de perderse para sempre. Para recuperar e poñer en valor o patrimonio inmaterial que compoñen estes microtopónimos, o Servizo de Normalización Lingüística de Redondela pon en marcha un proxecto para recoller todos estes nomes. No proxecto participa Gonzalo Navaza, recoñecido especialista na materia e membro da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, que é o responsable científico e orientador deste estudo que abrangue centos de microtopónimos das parroquias redondelás.

O traballo conta con dúas liñas. Por un lado, grazas a unha subvención da Deputación de Pontevedra, contarase cunha persoa especializada que se encargará do estudo das parroquias de Negros, Saxamonde e Cabeiro dando así continuidade ao traballo que hai anos iniciara a Cooperativa Tres Pés. Xurxo Martínez, responsable do SNL, explica que a outra liña de traballo é o voluntariado, e que actualmente están traballando nas parroquias do Viso, Cesantes e Cedeira. Aquelas persoas que queiran colaborar neste voluntariado poden enviar un correo pedindo información ao enderezo electrónico normalizacion@redondela.gal.

Xurxo Martínez, técnico do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela

En Redondela, como no resto de Galicia, existen milleiros de microtopónimos. A orografía do terreo, o minifundismo e a dispersión da poboación son a causa deste fenómeno, que levaron aos habitantes destas terras a nomear os lugares nos que residían e por onde se desprazaban. É un valioso patrimonio inmaterial que en moitos casos se remonta milleiros de anos atrás.

Galicia é unha das rexións con máis densidade de microtopónimos

Martínez sinala a importancia de recuperar estes nomes, de grande valor histórico, que corren o risco de perderse ao ir desaparecendo as persoas maiores que manteñen estes microtopónimos na súa memoria. “Trátase da obra excepcional dun pobo que se transmitiu oralmente durante milleiros de anos, agora que temos as ferramentas para recuperala e poña en valor sería un delito non facelo”, afirma o técnico do SNL. Algunhas parroquias como Cedeira ou Negros contan con máis de 300 microtopónimos.

Martínez sinala a necesidade de recuperar estes nomes antes de que poidan perderse para sempre

Ademais de recuperar estes nomes, desde o Concello desenvolveranse actividades nas parroquias arredor da toponimia, como son conferencias nas escolas e para o público xeral, dípticos informativos, publicación dos traballos nun libro ou o volcado da información nunha web específica da toponimia de Redondela. Finalmente, dende o SNL explícase que se abrirá unha liña de colaboración coa Real Academia Galega para compartir os resultados desta investigación na web Galicia Nomeada, que recolle toda a microtoponimia de Galicia.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará