Redondela vivirá tres xornadas de actividades culturais co gallo do Día de Galicia, que se celebra este domingo 25 de xullo. A programación comeza esta noite, na Alameda Castelao, coa proxección da película Cuñados, un filme de Toño López con Xosé Touriñán e Miguel de Lira. Será ás 22.30 horas, con aforo limitado. Mañá sábado a cita será no paseo marítimo de Chapela cun acto institucional e o concerto de Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre, ás 22.00 horas. O domingo, día 25, celebrarase o acto institucional na Alameda Castelao ás 20.00 horas coa participación de nenas e nenos dos campamentos de verán. O prato forte será o concerto de Sés, ás 22.00 horas no campo da feira. Todas as actividades son de balde. Unha parte do aforo reservouse para entregar o mesmo día da actuación nas entradas do recinto, que se abren unha hora antes. Para a súa entrega o público deberá facilitar o seu nome e teléfono de contacto. Para acceder é obrigatorio o uso de máscara e a desinfección de mans. As cadeiras instaladas nos recintos non poden moverse para garantir a distancia de seguridade.
Redondela como referente da lingua e a cultura galegas
As actividades están organizadas pola Concellería de Normalización Lingüística, que dirixe a alcaldesa Digna Rivas. Baixo o lema “Terra… a nosa!” amplíase a programación con tres días de actividades “para reforzar e reafirmar o orgullo de ser galegos e galegas, de poñer en valor a nosa cultura, a nosa lingua e a nosa propia identidade como pobo” afirma Rivas.
Por segundo ano Chapela acolle tamén parte da programación do Día de Galicia. O paseo marítimo acollerá un acto institucional e o concerto de Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre. O domingo, día 25, a Alameda Castelao acollerá o acto institucional ás 20.00 horas, con protagonismo de nenos e nenas dos campamentos de verán. O prato forte será o concerto de Sés, “cantante de renome e muller comprometida co feminismo, a tradición e a lingua galega”, sinala Rivas.