Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela supera os 200 casos activos coa Atención Primaria saturada

sdr

Nos últimos 14 días Redondela suma 159 novos contaxios, cun total de 201 casos activos, que chega a 211 se sumamos tamén os contaxios de Covid en Pazos de Borbén e Fornelos. A incidencia acumulada no municipio é de 544 casos por cada cen mil habitantes. Trátase dun índice moi elevado, como explica Emilio Santiago, médico do Centro de Saúde de Redondela. O doutor lembra a importancia de “non relaxar as medidas de protección” porque o virus segue circulando.

Emilio Santiago, médico de Atención Primaria no Centro de Saúde de Redondela

A evolución desta quinta vaga xa se nota nos centros hospitalarios, pero menos que nos anteriores picos da pandemia grazas á vacinación. A maior parte dos casos non precisan de hospitalización, pero si dun control por parte dos servizos de Atención Primaria. Isto supón máis carga de traballo nos centro de saúde “que xa arrastraban saturación desde hai meses por falta de persoal”, sinala Santiago. En ambulatorios como o de Redondela os médicos teñen que atender máis de 50 pacientes ao día. A maior parte dos contaxios son xente nova “con moita interacción social”, polo que resulta vital facer un seguimento dos seus contactos “para cortar a transmisión”.

O incremento de contaxios provoca saturación nos centros de saúde

Esta quinta vaga da pandemia está a deixar un incremento moi alto de contaxios. Os sanitarios apuntan a varios “fallos” como causa desta situación, entre eles “a falsa sensación de seguridade cando se permitiu sacar a máscara ao aire libre”. Por outra banda a cidadanía relaxouse ao estar unha boa parte da poboación vacinada “pero o virus segue activo”. Emilio Santiago sinala que a situación non mellorará se non hai unha solución “global”, xa que variantes que xorden noutros puntos do planeta chegan aquí en poucos días. “Xa se están a dar casos de contaxios en xente vacinada e tamén reinfeccións”, apunta o doutor.

Santiago lamenta que a retirada das máscaras ao aire libre crease “unha falsa sensación de seguridade”

Os médicos apostan por dar un paso atrás e asumir que a pandemia segue estando moi presente. Sinalan que hai que tomar conciencia e actuar sempre con responsabilidade ” coas medidas de protección que xa coñecemos todos”.

Os sanitarios apelan á responsabilidade individual para frear a vaga de contaxios

No conxunto de Galicia rexistrouse un forte incremento de contaxios. Hai máis de 15.000 casos activos e 200 persoas hospitalizadas. A cifra de positivos detectados hoxe ascende a 1.593, a máis alta dende xaneiro. A área sanitaria de Vigo é a que rexistra máis contaxios, cun total de 3.544 (son 379 máis ca onte). Na área de Pontevedra os casos activos son 2.615 (+130), na Coruña 2.591 (+220), e en Ourense: 2.341 (+56).

Repunta de ingresos nos hospitais

Aumenta considerablemente o número de pacientes da Covid−19 que precisan hospitalización. Hai 212 persoas ingresadas: 189 en planta (+36) e 23 nas UCI (+1). Non superabamos o limiar dos 200 ingresados dende o 10 de maio.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará