O barco de Cabo de Cruz fíxose coa bandeira do campionato autonómico, mentres que o C.R. Chapela foi segundo por diante de Tirán, que subiu ao terceiro caixón do podio en Bueu.
A traiñeira feminina do Club de Remo Chapela fíxose o sábado co subcampionato galego de traíñas, no que o barco de Cabo foi superior e acabou alzándose coa bandeira cunha vantaxe de 23 segundos sobre as de Redondela. En terceira posición acabou Tirán, a máis de 44 segundos das campioas, e cuarto foi o Club Remo Náutico de Ribeira, que completou a regata perdendo case dous minutos.
Onte a cita da Liga Feminina foi en Moaña. Por cuarta vez nesta liga gañou o barco de Cabo de Cruz, sendo Chapela segunda a once segundos, e Tirán terceira. As de Redondela son segundas tamén na xeral con 43 puntos, a dous do líder Cabo, mentres que Tirán é terceiro pero xa máis descolgado con 33 puntos.
A loita polo título prevese intensa nas tres regatas que restan para completar o torneo.
Liga Galega A
O Cesantes Rodavigo regresou esta fin de semana á competición, logo do paro obrigado polo positivo de Covid. Na regata disputada onte en Vilagarcía foron 8º, e Samertolameu liderou a proba. A Pobra foi segundo e Bueu acabou en terceira posición. Na xornada do sábado remataron no 10º posto na Bandeira de Bueu, na que tamén se impuxo a tripulación de Meira, con Bueu en 2º lugar e Mecos 3º. Na clasificación xeral Cesantes é oitavo con 41 puntos e ten a salvación practicamente enfilada.
A próxima fin de semana só haberá Liga B no Grove.