Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Consello de Ministros aproba as rebaixas na AP-9 para vehículos con telepeaxe

PEAXE

Pedro Sánchez anunciou onte que a rebaixa das peaxes da AP-9 entrará en vigor a próxima semana. O presidente do goberno, que participou en Santiago nos actos do Día de Galicia, informou que o Consello de Ministros aprobará mañá os descontos.

O presidente Sánchez fixo onte o anuncio aproveitando a súa visita a Galicia

A ministra de Transportes, Raquel Sánchez, detallou hoxe o novo esquema de bonificacións na autoestrada AP-9, que inclúe a supresión da peaxe no tramo entre Redondela e Vigo. Con todo, estas rebaixas están condicionadas ao uso do dispositivo OBE, xa que os descontos aplicaranse só aos vehículos lixeiros que utilicen a telepeaxe como medio de pago. O Estado destinará cada ano uns 55 millóns de euros para bonificar a autoestrada so Atlántico, e uns 2.300 millóns de euros até finalizar o prazo da concesión. O Real Decreto amplía a todos os días da semana e a toda a autoestrada as medidas que xa están vixentes nalgúns tramos. Serán gratis todos os traxectos de volta co dispositivo de telepeaxe que se realicen nun prazo máximo de 24 horas. No tramo Redondela-Vigo a bonificación será do 100% para os vehículos que realicen o mesmo traxecto de ida e volta no prazo de 24 horas.

No caso dos vehículos pesados terán un desconto do 20% do importe da peaxe en todos os percorridos, e tamén a gratuidade no tramo Redondela-Vigo. Para os camións as bonificacións aplicaranse sen ningún tipo de condicións xa que están dispoñibles todos os días e para calquera sistema de pago.

Mobilización para esixir a retirada das cabinas

A Asociación de Veciños de Chapela e a viguesa de Teis convoca unha concentración para o próximo xoves, día 29, na rotonda de Cabanas. Fan un chamamento para que a cidadanía se sume a esta protesta que será de 20.00 a 21.00 horas no tramo de acceso á autoestrada AP-9 en Redondela. Con esta concentración reclaman a retirada das cabinas da peaxe, logo do anuncio de que a gratuidade da AP-9 en Rande estará condicionada ao uso da telepeaxe. O presidente do colectivo veciñal de Chapela, Marcial Pérez, denuncia que se trata dunha “discriminación” xa que noutros tramos onde se liberou a peaxe retiráronse as barreiras. Pérez fai un chamamento á cidadanía de Chapela, Redondela, Teis e doutras zonas afectadas por esta peaxe a que se sumen a esta protesta.

Marcial Pérez, presidente da Asociación de Veciños de Chapela
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará