Juan Amoedo, no centro, co resto do corpo técnico
O adestrador redondelán está de volta na que durante anos foi a súa casa. Faise cargo do primeiro equipo, na Terceira División, un reto que asume “cor orgullo e tamén con moito respecto”. Logo de ser xogador e tamén adestrador das categorías base do CD Choco, foi técnico de equipos como o Arcade ou o RC Celta. Agora substitúe no banco redondelán a Gonza Fernández. O club volve apostar “pola mocidade e por un adestrador da casa”. O adestrador explica que chega para dar continuidade á filosofía do club “que ten unha forma de xogar e adestrar moi característica que xa forma parte do ADN do Choco”. Con todo, advirte que haberá que engadir “algúns matices” para adaptarse ao fútbol actual “e non ser tan previsibles”
O obxectivo da próxima temporada será o mesmo: a permanencia en Terceira División, aínda que sen renunciar a cotas maiores. Amoedo sinala que serán os xogadores os que marquen os obxectivos, e que teñen “ilusión e fame por crecer”, e avanza que a creación dunha nova categoría, a Segunda Federación, tamén terá incidencia na Terceira
Hoxe xoves comezan a pretemporada, e xa coñecemos ao corpo técnico que vai acompañar a Amoedo. Carlos Rodrigues será o segundo adestrador, trátase dun ex xogador e internacional da Selección Brasileira. Na área técnica tanto Juan como Carlos estarán apoiados por Fernando Berdomás, un home da casa. Na posta a punto dos xogadores Pablo Sanromán será o preparador físico. E como asistente Amoedo contará con Aitor Leiro, que se ocupará do coidado individual do futbolista.O Choco comezará a competición coa Copa Federación, que arranca o 8 de agosto contra o Coruxo. Será precisamente o equipo do ex adestrador choqueiro, Gonza, co que se mida o conxunto redondelán.