Logo de ter que suspender a edición de 2020 por mor da pandemia da Covid, o festival alternativo Millo Verde regresa este verán. Será en Cesantes, do 17 ao 19 de setembro, e cun interesante cartel os tres días de concertos. A organización leva tempo traballando no evento “moi pendentes da situación sanitaria que pode mudar dunha semana para outra”, sinala Nicolás Edreira.
A situación sanitaria obriga aos organizadores a establecer un aforo limitado e, por primeira vez, porán entradas á venda “a prezos razoables”. Deste xeito poderán limitar a cantidade de público e cubrir parte dos gastos do festival. En función da situación sanitaria teñen estimada a participación de entre 400 e 500 espectadores.
Edreira anuncia que as entradas se porán á venda nuns días, cando teñan perfilado o sistema. Poderán adquirise por internet e tamén en puntos de venda físicos que se anunciarán proximamente. O cartel do venres 17 de setembro ofrece os concertos dos galegos Rebeliom do Inframundo e o grupo francés The Far Badgers, ademais dos gañadores do seu concurso de maquetas. O sábado a representación galega correrá a cargo de Zeltia Irevire e Terrae, que se alternarán no escenario con Ombligo e a cantante arxentina La Yegros. O festival péchase o domingo con María Ruiz&La Mare, a cantante viguesa High Paw e o grupo Pillabands.