Hoxe é Luns 25 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O BNG demanda a eliminación das taxas para a conexión do saneamento

Cabeiro

O grupo municipal do BNG reitera a súa petición para que se suprima o pago das acometidas do saneamento na parroquia de Cabeiro. Nas últimas semanas iniciáronse as obras de ampliación na zona norte, na que se proxectan 48 novas conexións, ás que hai que sumar outras 40 xa instaladas.

A taxa que establece o Concello para estes enganches é duns 800 euros por vivenda “aos que hai que sumar outros 1.200 por darse de alta no servizo, máis as obras que cada veciño debe asumir dentro da súa propiedade”, sinala o voceiro Xoán Carlos González. Por outra banda o edil do BNG lembra que estas vivendas “están obrigadas a engancharse á rede de sumidoiros, baixo o risco de sanción”.

O pleno da corporación do pasado mes de xuño aprobou unha moción presentada polo BNG na que demandaban que se remate esta obra de saneamento con cargo ás arcas municipais. A proposta saiu adiante cos votos do BNG e PP, malia que PSOE e AER rexeitárona. González insta á alcaldesa, Digna Rivas, a cumprir o acordo plenario xa que a conformación do novo goberno municipal “vaille permitir dar as instrucións necesarias para que as conexións non repercutan nas familias”, sinala González facendo referencia á saída do goberno local da Agrupación de Electores.

O voceiro nacionalista valora positivamente a aprobación da moción sobre as acometidas “porque afecta a todos os novos proxectos de construción de saneamento, que non se lles vai gravar aos veciños e veciñas”, como as obras que se van realizar no Camiño da Costa, en Chapela, ou no Lugar de Albagueira, en Trasmañó. “A ampliación do saneamento trátase dunha inversión, na que o primeiro beneficiado vai ser o Concello, ao reducir a pegada medioambiental, e sumar novos contribuíntes”, sinala Xoán Carlos González.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará