As integrantes de Fuck this Studio presentan un proxecto que ten por obxectivo desenvolver creativos para todas as idades e incentivar o uso de técnicas analóxicas fronte ao actual dominio do smartphone. Durante o mes de setembro e outubro organizan obradoiros variados en tornoa á imaxe por medio da fotografía analóxica, a serigrafía e a cianotipia. As actividades contan co apoio da Xunta.
Noemi Parga, Andrea Costa, Raquel Álvarez, Marta Chamosa e Alicia Tizón son as impulsoras deste proxecto que se desenvolverá nas fin de semana de setembro e outubro en Vigo. En total 10 obradoiros e unha serie de charlas en aberto (con seguimento online a través das redes sociais) impartidas por profesionais do campo da fotografía.
A programación discorre sobre a idea da imaxe real e os procesos manuais, contando con obradoiros fotográficos de bodegón e de retrato, impartidos pola fotógrafa Claudia Silva, un obradoiro de fotografía de rúa a cargo do fotógrafo Jesús Caballero Vidal, uns obradoiros de revelado caseiros, e un obradoiro de experimentación coa película; impartidos pola impulsora do proxecto Noemi Parga.
Ademáis Percal Lab, amplía o seu catálogo con outras técnicas de reproducción da imaxe, impartindo tamén un obradoiro de cianotipia con Iago Fernández, e outro de serigrafía a cargo de Raquel Álvarez e Andrea Costa.
Os participantes entrarán nun sorteo que lles permitirá facerse cun produto moi codiciado entre profesionais e afeccionados: un carrete xa descatalogado, o Fujifilm Natura 1600 35mm.
Para apuntarse ás actividades, as persoas interesadas poden contactar coa organización a través do email percal.lab@gmail.com.