O concello de Pazos de Borbén conta con tres equipos compactos de depuración situados nas parroquias de Nespereira, Amoedo e Pazos. Estes equipos, xunto ca estación depuradora de Moscoso encárganse de depurar parte das augas fecais do concello, xa que máis da metade dos veciños carecen deste servizo.
Dende o BNG aseguran que nos últimos meses verten de maneira constante augas residuais sen tratar e sen ningún tipo de control. Un feito que achacan a unha falta de mantemento por parte do Concello.
No mesmo sentido explican que aínda é “máis preocupante a situación de total abandono da estación depuradora de Moscoso, que verte directamente as augas fecais sen ningún tipo de tratamento na cabeceira do regato Cabinchas, unha cloaca que descorre ata o encoro de Eiras que abastece de auga a comarca de Vigo”.
A esta situación de falta de mantemento das “depuradoras”, súmaselle os constantes problemas dos equipos de bombeo da rede de saneamento que con frecuencia deixan de funcionar causando malos cheiros e verquidos.
Dende a o Bloque Nacionalista denuncian que non se trata de algo puntual, senón que é unha situación constante durante moitos meses, incluso anos “un atentado ecolóxico do goberno de Andrés Iglesias que carece de ningún tipo de políticas ambientais e sensibilidade cara a nosa contorna natural”.