O Peirao de Arcade e a Alameda de Talo Río acollen o sábado 11 e domingo 12 de setembro un festival dedicado ao mundo das artes circenses. Unha proposta incluída dentro do programa cultural “Pasiño a Pasiño, Soutomaior no Camiño” financiada pola Xunta de Galicia na que se inclúen novas propostas culturais dirixidas a todos os públicos coas compañías Kambahiota e PattyDiphusa.
No programa de actividades sempre a pé de rúa mestúranse varias disciplinas nas que participan compañías galegas e de fóra para que quede reflectida a interculturalidade do Camiño onde non importa o lugar de onde ves senón que o importante é o que fas nese lugar, nesa parte do Camiño na que te atopas con outras persoas.
Agás no obradoiro no que era preciso inscribirse previamente, o resto dos espectáculos son aberto ata completar o aforo. Todas as actividades son de balde.
O programa arranca o sábado ás 18:30 cun obradoiro de circo no que os participantes aprenderán malabares, aéreo e equilibrios a cargo de KambaiotaTroup.
As 19:30 poderemos asistir a Crunch!, un espectáculo de novo circo clown, malabares… para todos os públicos e a continuación actuarán Kambahiota con La Coquette (Madrid) ofrecendo un espectáculo para todos os públicos de aéreos con Rossina Castelli e Abraham Pavón como protagonistas, que achegan unha proposta de acrobacias aéreas con impresionantes rutinas de trapecio, escada e aro. Todo isto sen esquecer o humor e o clown, que acompañan a espectacularidade dos números da troupe de Kanbahiota.
O domingo as actividades trasládanse a Talo Río co espectáculo de circo e clown a cargo de PattyDiphusa con Superharte a partir da unha da tarde.