A Biblioteca Municipal Luís Seoane de Soutomaior acaba de abrir o prazo de inscrición para os seus diferentes clubs para fomentar os hábitos de lectura entre a veciñanza. Os clubs deste ano ofrecen tres posibilidades: o club de lectura infantil, o de iniciación en lingua estranxeira (francés), e de lectura fácil, para persoas con dificultades de expresión ou pouco coñecemento da lingua castelá.
O club de lectura infantil dará comezo no mes de outubro. Está dirixido a nenos desde os 7 aos 9 anos de idade e ideado como un complemento escolar. As sesións terán lugar os mércores en horario de 18:00 a 19:00 horas.
Para os veciños, en idade adulta, que desexen iniciarse ou mellorar as súas aptitudes no idioma francés ofrécese un club de lectura que se reunirá dúas veces ao mes en xoves alternos en horario de mañá. A primeira reunión celebrarase a principios do mes de novembro.
Tamén está dispoñible o club de lectura fácil, ideado para favorecer a integración social de novos cidadáns e persoas de fala estranxeira ou con dificultade lectora. Mediante textos sinxelos, os participantes poderán ir mellorando o seu coñecemento e uso da lingua castelá. Este club comezará as súas reunións o 5 de outubro e reunirase en martes alternos en horario de 11:00 a 12:00 horas.
Taller para adultos de francés
Ademais dos clubs de lectura, a biblioteca municipal de Soutomaior ofrece a partir do mes de novembro un taller de interpretación en francés. Un taller interactivo no que os alumnos terán que ler e interpretar unha obra de teatro nese idioma, facendo máis dinámica a actividade e facilitando a aprendizaxe.
Todas as actividades contan con prazas limitadas. Os interesados en realizar a inscrición nos clubs ou no taller de francés deberán facelo na Biblioteca Municipal de Soutomaior, no teléfono 986700291, ou a través do email, biblioteca@soutomaior.com