O IES de Soutomaior, un centro educativo que foi inaugurado hai tan só tres anos, tivo dende o primeiro momento problemas para atender a demanda de matrículas. Este ano non foi diferente. Esta situación, explican dende o BNG da localidade, desembocou en grupos saturados, aulas pequenas, espazos comúns que non poden dar cabida nin ao profesorado nin ao alumnado, falta de instalacións deportivas cubertas ou dun salón de actos… Ademais, as reducidas dimensións da sala de profesores provoca que nela tan só poida estar a metade do claustro.
Por se isto non fose suficiente, trátase dun centro no que nos días de chuvia o alumnado ten que permanecer nas aulas porque non conta con espazos cubertos no exterior. Nunha situación de pandemia como a que nos atopamos, manter á rapazada en espazos pechados durante o tempo e cunha ventilación mínima das aulas é unha irresponsabilidade.
O BNG leva dende o ano 2015 esixindo que se modifique o proxecto para atender as necesidades do alumnado e evitar futuros problemas. Posteriormente, cando se demostrou que esas demandas eran necesarias, o BNG volveu reclamar, a través do seu portavoz municipal Manu Lourenzo tanto no pleno municipal como no Parlamento galego, que se fixesen as obras necesarias para corrixir estas deficiencias.
Non contentos con esa irresponsabilidade, o PP decidiu incumprir a promesa que fixera para este curso de habilitar espazos para ter mais aulas. Outra dos compromisos incumpridos tamén era cubrir o patio. “Dende o BNG esiximos que se resolvan todas estas carencias, porque as nosas mozas non merecen este desprezo do PP local e autonómico”, afirmou Lourenzo.