A factura eléctrica subiu un 44% nun ano. Ás portas do inverno, cando se augura un aumento no consumo de enerxía, os consumidores falan de “preocupación e malestar” polos continuos incrementos no prezo da luz. O mecanismo polo que se fixa o prezo da electricidade non é doado de entender, como tampouco o é a factura que os clientes reciben. Consumidores como Maros demandan “unha explicación clara” dos motivos polos que sobe a enerxía e que a administración “lle poña remedio”. Advirte que esta escalada de prezos vai supoñer graves prexuizos para os máis vulnerables.
As diferentes compañías eléctricas que ofrecen os seus servizos manteñen prezos similares, segundo os clientes “porque non hai unha competencia real”. Antonio denuncia que son “unhas poucas e chegan a acordos”. Entende que a situación actual é un problema “gravísimo” e séntese “enganado”.
Os consumidores non atopan unha solución doada para esta situación, e apuntan ao Goberno central para que siga coa rebaixa dos impostos que gravan a factura “cun IVE reducido”, como sinala Fernanda
A maoría da veciñanza vive con resignación esta escalada de prezos, e hai quen se lamenta de que a cidadanía non se mobilice en protesta por esta situación. David sinala que a xente quéixase polo elevado prezo da luz “pero non se fai nada para loitar por este dereito”. Bota en falta accións de protesta para esixir “prezos xustos para un ben básico como é a luz”
O prezo da electricidade continúa en máximos. De media, a luz custa hoxe martes 207 euros o megawatt hora, alcanzando picos de 256 euros nas horas máis caras.