A formación nacionalista insta á Xunta a poñer en marcha unha programación propia e garantir o acceso público e gratuíto á illa de San Simón. Denuncia o incumprimento das condicións da concesión e uso da Illa para fines lucrativos de empresas privadas –recentemente cunhas xornadas de ioga e meditación- e reclama a elaboración dun Plan de usos que respecte a memoria e historia da Illa de San Simón
A deputada nacionalista Carmela González alertou do incumprimento das condicións da concesión da Illa e a súa utilización para fines lucrativos. Neste sentido, lembrou que nos meses de agosto e setembro foi programado el Camino Hacia la Isla Interior, patrocinado pola Xunta e Xacobeo 2021-2022 “totalmente en castelán, por certo”. A estadía na Illa de San Simón durante os días 24,25 e 26 de setembro de 2021 incluía actividades de ioga e meditación, transporte en barco de ida e volta e hospedaxe no hotel en pensión completa por 350 euros.
Noutros anos, lembrou a deputada, foron organizadas por empresas privadas actividades como: Xincanas, campamentos, procuras de tesouros, visitas con cea e mesmo a intención de celebrar un Hallowen coincidindo co día de defuntos baixo o lema: “Un Samaín de miedo en la Isla de San Simón”. A xuízo da nacionalista, a celebración representaría un claro exemplo de “burla e desprezo aos miles de presos que sufriron verdadeiro terror, tortura, enfermidade e morte en San Simón”. A illa, reiterou “non pode ser convertida nun parque temático”.
A Xunta, remarcou, Carmela González incumpre as condicións da concesión outorgada polo Ministerio de Medio Ambiente, actual MITECO. A illa é de titularidade do estado, e foi cedida a xestión á Xunta en 1997 por 30 anos na que se establece como uso principal o “docente e cultural” e sen autorizar o uso hoteleiro aberto ao público polo tanto a residencia Stella Maris non poderá destinarse a usos habitacionais con excepción de puntuais aloxamentos de profesorado e conferenciantes dos cursos e actividades que se impartan.
Ademais, o uso da Illa debe ser “público e gratuíto” e non como agora que na práctica está “privatizada” e sen “ningún criterio” para unha programación que respecte a historia da Illa. San Simón dixo, “non é a illa de Ons nin as Cies” e ademais dos valores ambientais conta cunha historia de séculos que a converte nun lugar de especial interese. Dende a Asociación da Memoria e dende o BNG levamos moito tempo reclamando “un Plan de usos” no que a memoria histórica, a represión e a loita antifranquista teña un papel central.