O dispositivo conxunto de Policía Local e Policía nacional que nesta madrugada estaba a realizar un control na Avenida de Redondela en Chapela acabou con sorpresa. Logo de deter un vehículo tras realizar o seu condutor unha manobra sospeitosa, decatáronse de que se trataba dun ladrón que acababa de subtraer un vehículo en Cangas. O varón foi detido e trasladado a Comisaría de Vigo.
Os feitos tiñan lugar a unha da madrugada de hoxe cando, nun dispositivo conxunto na Avenida de Redondela, un dos axentes decatábase da manobra dun vehículo que se detiña na beiravía apresuradamente para facilitar que a persoa ao volante abandonara o posto de condutor e se trasladara a parte traseira do turismo.
Vista manobra tan sospeitosa, os axentes procederon a investigar ao condutor por un presunto delito contra a seguridade viaria ao non ter obtido nunca o permiso de conducir. Así mesmo, tamén foi proposta para sanción por arroxar un resultado positivo nas probas de drogas.
A sorpresa xurdiu cando se lle pediu a documentación do vehículo. Ante as escusas poucos cribles que alegaba o varón realizáronse algunhas averiguacións, resultando que o vehículo estaba sendo investigado porque fora roubado na localidade de Cangas.
Ante estes feitos procedeuse a detención do condutor e ao seu traslado a comisaria da Policía Nacional en Vigo.
Tamén se propuxo para sanción a un dos acompañantes no vehículo a quen se lle atopou unha importante cantidade de substancias estupefacientes.