Unha cita festiva con protagonismo indiscutible para as castañas e que ademais contará esta fin de semana co apoio do bo tempo. O verán de San Martiño garante ceos azuis e boas temperaturas para gozar de todos os magostos que percorren as parroquias de Redondela e Soutomaior. Facemos un repaso por todos eles.
Ventosela
A Plataforma de Activistas Culturais e Artistas de Redondela, Sinha PACA xunto ao Concello organizan este sábado 13 en Ventosela un completo programa de actividades para todas as idades que arrancará ás 11:00 horas con xogos populares e prolongarase ata a medianoite. Ás catro da tarde o artista local Suso Ben será o encargado de ler o pregón e a continuación haberá diferetnes actuacións co grupo de baile O carballo das cen pólas, de Reboreda e os concertos das Efémeras e Acordeireta (a partir das 19:00 horas). A festa contará cun DJ que amenizará toda a xornada e que prolongará á noite a festa.
O magosto propiamente terá lugar de tarde, onde se servirán castañas en dúas quendas: unha ao rematar a actuación de baile e outra no cambio de grupos. Ofreceranse castañas asadas até esgotar existencias.
Cedeira
O Centro Cultural da parroquia celebra este sábado a partir das 18:30 horas un magosto no que se servirán castañas asadas, chourizos e viño tinto do pais. Unha cita que estará amenizada coa música dos grupos de gaitas Son do Castro e Tirapuxas.
Soutomaior
O campo de San Benito de Romariz acolle este domingo a partir das 17:00 horas unha xornada de celebración do outono baixo o título “lume de contos para tarde de castañas” coa actuación do contador de historias Celso Fernández Sanmartín. Haberá castañas de balde para todos os que se acheguen.