O vindeiro sábado 20 de novembro, ás 11 horas, a antiga feira de gando de Redondela, na Avenida Mendiño, acollerá unha charla e demostración práctica sobre o funcionamento das biotrituradoras portátiles para compostaxe recentemente adquiridas polo Concello por 2.000 euros, maquinaria que será prestada ás veciñas e veciños que así o soliciten.
Nesta actividade, os técnicos explicarán polo miúdo o funcionamento destes aparellos así como as medidas de seguridade que se deben adoptar durante o labor de triturado. A iniciativa, incluída no programa ‘Redondela Composta’, busca mellorar o sistema de compostaxe existente no municipio e incrementar a separación dos residuos sólidos urbanos na orixe.
Coas biotrituradoras as veciñas e veciños (estean ou non incluídos no programa de compostaxe doméstica) poderán triturar aqueles restos vexetais para despois ser utilizado como estruturante nos composteiros, un material que neste momentos é deficitario no municipio redondelán.