Hoxe é Domingo 24 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Un carril bici ou máis puntos de reciclaxe, peticións dos mozos e mozas ao pleno do Concello

pleno infantil

Medio ambiente, cultura, mobilidade e deporte centran as propostas no Pleno do Consello da Infancia e a Adolescencia celebrado onte e no que se escoitaron peticións concretas como a necesidade dun carril bici, papeleiras para mascaras, máis puntos de reciclaxe e incremento das liñas de autobús nas parroquias para reducir a utilización de vehículos privados

As propostas presentadas polos e polas representantes do CEIP Alexándre Bóbeda (Iris e Hugo); CEIP Porto Cabeiro (Raúl e Mª Teresa); CPR Colexio Vigo (Xiana e Miguel); IES Chapela (Laura); IES Illa de San Simón (Lúa); IES Mendiño (Carla) e IES Pedro Floriani (Guillermo), deixaron ao descuberto unha mocidade con inquedanzas, mesturadas con preocupación, polo medioambiente, a mobilidade, a cultura e o deporte.

Así, a necesidade de dotar a Redondela dun carril bici do que carece, foi unha das propostas presentadas pola grande maioría dos asistentes ao Pleno do Consello, ao igual que a necesidade de incrementar os puntos de reciclaxe e impartir cursos sobre este tema nos centros escolares. Púxose sobre a mesa, seguindo o exemplo doutros países, a proposta de ‘incentivar’ a reciclaxe a través vales desconto nas compras por certa cantidade de material reciclado ou da instalación de papeleiras específicas para as máscaras de protección e que, con demasiada frecuencia, aparecen tiradas polo chan.

Non faltaron as ideas que levan incluído traballo de voluntariado, nas que mozos e mozas amosáronse dispostos a contribuír na limpeza de praias e espazos verdes que contribúan. A mobilidade é outra das preocupacións da mocidade redondelá, tal e como se puxo de manifesto no Pleno ao expresar a necesidade de incrementar o transporte público coas parroquias para diminuír o uso dos vehículos privados e, polo tanto, as emisións de CO2.

Actividades culturais para a mocidade, obradoiros da máis diversa índole, realización de actividades e eventos ao aire libre e en contacto coa natureza, incrementar as charlas para fomentar a igualdade, cursos de teatro ou cociña, lugares de ocio cuberto onde se poida reunir a mocidade nos días de choiva, pistas deportivas, incrementar a limpeza nos parques, visibilizar as e aos artistas de Redondela nas súas diversas facetas, exposicións, concertos didácticos e a necesidade de introducir innovacións tanto no Festival de Títeres como na Festa do Choco “para seguir mantendo o interese, sobre todo no tocante as actuacións que se levan a este último evento”, foron algunhas das múltiples propostas presentadas ao longo deste pleno.

Olga García Ballesteros, que asegurou “estar orgullosa” da infancia e mocidade redondelá, animou as e aos participantes a seguir traballando. Pola súa banda, a alcaldesa Digna Rivas, lembrou que as propostas que realizan nestas reunións de traballo, “son tomadas moi en serio polo Goberno local de cara a convertelas nunha realidade” como se fixo, cómpre salientalo, co parque de calistenia “que foi unha das vosas ideas”, dixo a rexedora local.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará