A proposta, presentada polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela supón un paso máis “na implicación dos axentes sociais do municipio na utilización do noso idioma”
Na reunión celebrada o pasado 16 de novembro, o Consello Forestal de Redondela, do que é membro o Concello redondelán, aprobou unha declaración a prol da lingua galega, iniciativa presentada polo Departamento de Normalización Lingüística e que recolle “o compromiso das comunidades de montes de usar a lingua galega tanto na documentación interna como na externa, así como esixir as empresas de xestión forestal que os contratos, indicacións, avisos etc. estean escritos en galego”.
O documento, aprobado por unanimidade supón, segundo a alcaldesa e concelleira de Normalización Lingüística, Digna Rivas, “un paso máis para implicar no proceso de normalización lingüística aos axentes sociais de Redondela”.
A alcaldesa destacou a importancia “do consenso” arredor do galego e a “importancia do compromiso das comunidades de montes en favorecer o idioma”.
Dentro desa colaboración do SLN, este comprométese a “apoiar e publicitar todas as iniciativas e actividades que se fagan dende as comunidades de montes a prol da lingua galega”.