O alumeado amplíase ás dúas torres e á muralla, con tres quilómetros de cable led que enchen de luz sostible. O acendido tiña lugar onte con presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva así como o alcalde da localidade, Agustin Reguera. Ao tempo inaugurouse o mercadiño de nadal que conta coa participación de máis de 25 empresas que achegan aos visitantes produtos sostibles e de proximidade.
Desde a tarde de onte o Castelo de Soutomaior conta xa coa iluminación de andal: 35.000 lámpadas sostibles e tres quilómetros de cable led que van ambientar a programación deseñada pola Deputación para gozar en familia estas datas.
Unha zancuda e un zancudo deron á benvida aos asistentes ao acto de acendido cunha primeira parada no iluminado muíño das Afreitas, que xa está de novo en funcionamento trala recente recuperación realizada pola institución provincial, que incluíu a restauración da maquinaria para que as crianzas poidan ver a última moenda para facer os doces típicos de Nadal. Amais, o xardín está salpicado de personaxes de Nadal iluminados, tamén o está o bambán e no Patio de Armas está depositada de novo a Caixa de Correos de Soños, na que tanto crianzas como maiores poderán deixar os seus desexos para estas datas.
A presidenta provincial quixo aproveitar o momento para desexar un bo Nadal á provincia e invitou á cidadanía e ás persoas visitantes a coñecer o Castelo nestas festas e desfrutar de toda a actividade programada. Carmela Silva inaugurou de seguido unha das propostas estrela, o mercadiño de Nadal instalado no Xardín Inglés con produtos Km0 ofrecidos por 25 produtoras e produtores da provincia. Deste xeito no MercaNadal as persoas visitantes poderán encontrar produtos como queixos, ovos, mel, licores, marmeladas, melindres ou bicas, afumados, conservas, chocolates, conservas de lamprea, de mirabeles ou grelos, así como produtos relacionados coa camelia a través da artesanía, cosméticos ou venda de árbores, e tamén viños de Soutomaior e espumosos.
O mercado permanecerá aberto ata o vindeiro 8 de decembro, en horario hoxe e mañá venres 3 de 16 a 20 horas, e o resto das xornadas de 11 a 14 e de 16 a 20 horas.